ENRIQUE SANTIAGO NÓVOA ARCE

FUSILADO TRAS PERMANECER 5 MESES AGOCHADO NUN ARMARIO

Enrique Santiago Nóvoa Arce.

Enrique Santiago Nóvoa Arce, coñecido como Tadeo, naceu un 28 de xullo de 1911 na aldea de Rairo, pertencente ao concello de Ourense. De familia humilde, seus pais, Enrique Nóvoa e Josefa Arce, veciños de Rairo, criaron a sete fillos, dos que Enrique era o segundo.

Enrique Santiago, de oficio carpinteiro, labrador e cazador, era veciño de Tenencia de Zaín, unha aldea situada moi cerquiña do seu Rairo natal, cando se produce o levantamento franquista en xullo de 1936. Casado con Isabel, tiña un fillo de 7 anos, Antonio, e unha filla acabada de nacer.

Debido a súa ideoloxía anarquista, enseguida comprendeu que tras o Alzamento podería ter problemas. O 20 de xuño, segundo a súa familia, “levantárase cedo para lle dar uns retoques á cómoda que rematara de montar o día anterior antes de saír labrar o campo. Rematou o almorzo e marchou traballar, sen saber que esa sería a última vez que pisaría esa casa”. Cando ía cara á leira, un veciño avisouno: “os republicanos caeron, achéganse os militares”. Foi entón cando decidiu esconderse.

En palabras dun familiar, “descoñecía se os camiños foran tomados xa polos militares sublevados, así que decidiu atravesar o bosque e desa maneira evitar calquera risco”. Conseguiu chegar a Rairo, coa intención de agocharse na casa dos seus pais. E así comezaría o seu encerro. Cinco meses pasaría Enrique dentro dun vello armario, feito por el mesmo, no fondo da palleira. “Para que non estivese á vista, tapárono con ferramentas e os restos da colleita dese ano”. Só quedaba un pequeno oco para acceder a el.

Cada noite durante eses longos cinco meses, aproveitando que xa ninguén andaba polas rúas, a súa nai acercábase á palleira para levarlle comida, roupa limpa e retirar os excrementos do fillo.

Mentres, a súa muller Isabel e os seus fillos continuaban a vivir na súa casa de Zaín, sen acercarse onde Enrique estaba agochado para non levantar sospeitas. Cinco meses de incerteza, de ansiedade. Isabel temía pola vida do seu marido, e Enrique polo que os salvaxes sublevados poderían facerlle a súa muller e fillos. Cinco meses sen poder velos, atormentado polos recordos e polo futuro.

Desafortunadamente, segundo o seu neto Antonio, Enrique foi denunciado por un veciño. “Unha mañá do mes de decembro, apareceron os militares na casa de Enrique Nóvoa pai, fixeron unha busca exhaustiva, ata o punto de romperen os armarios en busca de falsas paredes. Cando estaban a punto de marchar, buscaron na palleira, e deron con el”. Esa tarde, Enrique foi levado de Rairo con cinco paisanos máis cara ao cuartel de san Francisco.

Foi acusado de tenencia ilícita de armas (tiña unha escopeta xa que era cazador).

Condenado a morte, foi fusilado no Campo de Aragón do cuartel o día 29 de decembro de 1936. Tiña 25 anos, deixaba muller e dous fillos.

Hoxe, os seus restos repousan na fosa común do cemiterio de san Francisco.

Segundo o seu neto, Isabel, a muller do malogrado Enrique Santiago, sufriu tal impacto que fixo que non tivese leite para criar a súa filla neonata, que de alí a pouco morrería, provocando que tamén a nai, sumida nunha forte depresión, morrera tamén.

O seu outro fillo, Antonio, de 7 anos, foi coidado polo tío, e 11 anos despois, cos 18 cumpridos, emigraría a Venezuela. Regresou a España poucas veces, pero só de visita, sen intención de instalarse. Da súa memoria nunca se borrarían aqueles traumáticos momento da súa nenez, e nunca falaba do tema co seu fillo, tamén chamado Antonio, hoxe retornado a España despois de que o seu pai falecera en Venezuela o 19 de marzo de 2019. É agora cando Antonio, a través da súa familia de Rairo, está a coñecer a historia do seu avó, aínda que para el é tan triste que non quere tampouco saber moito máis.

Teño que agradecerlle a el toda a información que me deu e que fai posible este artigo, así como a súa filla Irene, alumna miña no IES Ferro Couselo de Ourense, por darme a coñecer esta historia. Unha historia dolorosa, como tantas outras, que non debemos esquecer. Por honrar a Enrique, inxustamente axustizado, pola súa familia, que por tantos anos sufriu e sofre as consecuencias desta traxedia, e por procurar que a xente das novas xeracións non volva a cometer os mesmos erros.

Páxina do libro do cemiterio onde se rexistra a morte de Enrique

Páxina do libro do cemiterio onde se rexistra a morte de Enrique

Isabel, Enrique Santiago, e o seu fillo Antonio

Isabel, Enrique Santiago, e o seu fillo Antonio

Partida de nacemento de Enrique Santiago

Partida de nacemento de Enrique Santiago

Partida de defunción: a consecuencia de

Partida de defunción: a consecuencia de "hemorragias internas y externas", consignándose ademais que "se ignoran las demás circunstancias".

Casa dos pais de Enrique Santiago, onde permaneceu agochado 5 meses nun armario

Casa dos pais de Enrique Santiago, onde permaneceu agochado 5 meses nun armario

Compartir esta página