Artigo resumo publicado polo Faro de Vigo o 24 de maio de 2018

Erundina Álvarez Pérez, a única muller fusilada no Campo de Aragón no cuartel de Ourense.

 

Xosé Lois Gómez García

 

 

Erundina Álvarez Pérez foi a única muller fusilada entre os 133 axustizados polas autoridades militares no Campo de Aragón de Ourense, no antigo Cuartel de San Francisco. A mañá do 30 de setembro de 1936, cinco militares formaron o pelotón de execución que acabaría coa vida desta ourensá da Limia, acusada do delito de agochar  un fuxitivo na súa casa.

 

A historia e a historiografía están aínda en débeda con todas esas mulleres que se implicaron na axuda aos fuxidos do réxime de terror franquista. Como escribiu Ángel Rodríguez, se a historia non se contase en clave masculina, as mulleres desa xeración serían o miolo da nosa recuperación da memoria histórica.

 

Moitos trazos da vida de Erundina son aínda un misterio, pero con este artigo espero dar a coñecer un pouco máis como foi a súa curta vida, segada aos 37 anos dun xeito tan inxusto como violento. Naceu en Santos (Brasil) en 1899, filla da emigración. De volta a Galiza, terá Undina (pois así era como ela quería que a chamasen) tres fillas sendo aínda solteira: María, Justa e Encarnación. Son os anos 20, e aínda que empadroados na casa dos seus pais, en Ferreiros, a “parroquia vermella” do Concello de Entrimo,  viven temporadas na cidade de Ourense, na rúa de San Francisco. En 1935, cando Undina tiña 35 anos, contrae matrimonio con Constantino, un labrador viúvo e adiñeirado de 60 anos, que tiña unha boa casa en Ferreiros. Marchan ela e as súas fillas a vivir con el nesta casa. No entanto, entre 1935 e 1936, no seu derradeiro ano de vida, vive na rúa Liberdade de Ourense coas súas fillas.

 

Segundo a neta de Undina, Josefa, un día no domicilio da rúa Liberdade entra a Garda Civil e atopa alí a un fuxido, sendo este arrestado xunto con Undina. Para Alonso Santos, a detención tivo lugar en Ferreiros, onde na casa do marido agochaba Undina ao fuxido. Varias testemuñas lembran como se despedía ao ser sacada en burro da aldea, por estar enferma: “Adeus, Ferreiros, que non te vexo máis”.

 

Sexa como for, na casa da rúa ourensá quedaran as tres fillas entre 10 e 15 anos soíñas. Foi un veciño chamado Miguel, anarquista, quen colleu as tres nenas para levalas a pé desde Ourense a Ferreiros. A nai de Josefa, Encarnación, contáballe que fora unha viaxe moi dura, e que as tres rapaciñas non facían máis que chorar pola nai. Deixounas Miguel na casa dos avós, onde a vida ía ser “moi difícil”. Nunca máis volveron ver ao seu padrasto. Segundo soubo Encarna, el mesmo fora quen delatara a súa muller. Non sabemos a causa desta delación (ideoloxía –parece ser que era falanxista-, celos, medo a verse implicado...). O certo é que o resultado será un tráxico final na cidade de Ourense.

 

Erundina foi fusilada a instancia definitiva do tenente coronel Luís Soto Rodríguez. O fuxido que agochaba, Francisco Cofán Eiriz, non correu mellor sorte. Comerciante de Parada de Piñor (Barbadás), home de esquerdas, permaneceu na cárcere provincial desde o 23 de setembro ata o 5 de outubro de 1936, sendo ese día posto en liberdade. Porén, os falanxistas séguenlle os pasos e dous días despois, asasínano dándolle o “paseo” na estrada de Reza.

Nos seus derradeiros momentos, xa no cuartel de San Francisco, escribe Undina unha emotiva carta de despedida as súas fillas, na que lles pide que sexan boas cos avós. Lamentablemente, esta carta perdeuse hai un ano nun incendio. Unha carta que tardou moitos anos en chegar ao seu destino. Segundo algunha versión que non podo confirmar, a carta chega ao párroco, que a esconde sen entregala. Anos despois, un novo cura chega á parroquia e atopa a carta, e é entón cando  lla entrega a Encarnación, que xa estaba afincada en Barcelona, e viñera pasar as vacación a Ferreiros. Vai Encarnación ao cemiterio de San Francisco, e alí lle conta o enterrador que el mesmo presenciara cos seus propios ollos a execución: “cinco homes diante dela, que lle dixeron que se puxese de costas, ao que ela contestou que non, que quería ver a cara de quen a ía matar sendo inocente, para pedir a Deus de perdoalo”.

 

Sabía Undina ler e escribir,  tiña un carácter libertario, como testemuña o feito de ter tres fillas de solteira, e fama de comunista, tendo, a dicir dos seus descendentes, “moita actividade política”. Sendo de Ferreiros non é de estrañar. Moitas mulleres limiás prestaron axuda aos fuxidos, como Rosa Tejada en Muiños, e de Ferreiros era tamén a chamada “ a Pasionaria de Entrimo”, Irene Rodríguez García.

 

Podemos imaxinar con eses datos, a reputación que se lle atribuiría a Undina, e máis tras a instalación do réxime machista do fascismo español, no que non se concibía que unha muller puidese ter certas liberdades; mais ben ningunha. Esa reputación perduraría anos despois e chegaría  a ouvidos das súas fillas. Contoume Vanesa, como a súa avoa Encarnación vivira 80 anos pensando que a súa nai era prostituta. Non sabemos cal era o oficio de Undina neses anos, pero tal etiqueta puidese moi ben responder a unha sociedade intolerante e machista, na que, en definitiva, todas as nais solteiras eran “putas”, e as anarquistas e comunistas tamén. Non quere a súa familia que nas memorias quedase a figura de Undina como unha muller de mala reputación. Eu digo que todo o contrario.  Penso que é hora de rescatar a honra desta muller, que independentemente de cal fose o seu oficio, tivo a coraxe de axudar a un fuxitivo a escapar dunha morte segura, cando moitos non facían nada, sen importarlle pór en perigo a súa propia vida. Unha muller que foi quen de sacar adiante, mentres conservou a vida, as súas tres fillas, nunha sociedade que non aceptaba a liberdade sexual das mulleres, nin a súa independencia,  nin,  por suposto, que tivesen ideoloxía. A Undina matárona por axudar aos republicanos, por ter costumes afastadas da moral católica e por ser muller insubmisa perante os estándares que reclamaba o franquismo. Por iso, merece unha dobre homenaxe: por enfrontarse ao réxime fascista, e por exercer de muller libre en medio daquela opresión.

 

O lugar do fusilamento, o Campo de Aragón, recibirá o nome, nos vindeiros meses, de “Praza da República”,  cun memorial en honor de Undina e os demais homes alí executados pola barbarie fascista, segundo aprobou o pleno municipal do pasado 4 de maio de 2018. Sería desexable na inauguración do memorial, unha mención especial para esta muller.

No entanto, a súa familia aínda devece porque os seus restos poidan ser trasladados ao nicho familiar en Entrimo, e descansar xunto a súa filla alí enterrada. Sería de xustiza que esta espera non demorase nin un segundo máis. Pido as autoridades que inicien os trámites oportunos para satisfacer este dereito dos seus descendentes.

 

 

E unha última petición: cando na homenaxe anual que “Amigos da República” fai aos fusilados enterrados no cemiterio de San Francisco lean en voz alta o nome desta heroína, troquen Erundina por Undina. Seguro que a ela lle gustaría máis dese xeito.