OURENSE: CIDADE PARADIGMA DA REPRESIÓN FRANQUISTA. ITINERARIO CULTURAL POLOS LUGARES DA REPRESIÓN.

 

Xosé Lois Gómez García

 

Como se recolle na Carta Internacional sobre Turismo Cultural do ICOMOS de 1999, a memoria colectiva e o peculiar Patrimonio cultural de cada comunidade ou localidade é insubstituíbel e unha importante base para o desenvolvemento non só actual senón futuro. Na cidade de Ourense, e en concreto no seu centro histórico, tense acometido unha serie de actuacións nas últimas décadas cuxo obxectivo era dinamizar socialmente e pór en valor a zona de cara recuperala para a cidade e fomentar o turismo. “Ourense Cidade Termal” constitúe un intento neste senso, mais o centro histórico viu perder neste tempo as súas dúas únicas casas de baños históricas: a casa de baños do Outeiro e a casa de baños “La Moderna”, mentres que a rehabilitación do entorno das Burgas resultou insuficiente. En canto a rehabilitación de vivendas do centro histórico, como apunta Campesino Fernández, “no puede limitarse a un maquillaje de restitución de sus aspectos externos, sino que debe garantizar la revitalización de los valores de uso y funcionamiento para un correcto dinamismo del conjunto urbano. De lo contrario, la rehabilitación se queda en cirugía estética” (Campesino, 1989:11). Isto é exactamente o que se fixo en moitos casos na cidade vella ourensá.

Neste senso, este traballo pretende ser unha proposta alternativa para a revitalización do centro histórico,  pretende propor un elemento máis na procura da recuperación da cidade monumental que veña a sumarse a todo o xa feito e a todo o que aínda se ten que facer, por exemplo, no eido do termalismo. E este novo elemento irá dirixido, por unha banda, cara ao impulso do turismo cultural, cada vez máis apreciado como unha forza positiva para a conservación da cultura xa que pode xerar fondos para a súa protección, ao tempo de constituír un importante factor de desenvolvemento local do que está moi necesitada a cidade. E por outra banda, irá dirixido tamén a poboación local, moitas veces descoñecedora do seu pasado máis inmediato, por terríbel que este fose. Estou falando da represión exercida polos franquistas contra os defensores da República despois do Alzamento de xullo de 1936.

A cidade de Ourense, se temos en conta o reducido da súa veciñanza no ano 36, foi, en proporción, a cidade galega que máis sufriu a traxedia provocada polo fascismo. No Campo de Aragón, patio de instrución do Cuartel de San Francisco,  fusiláronse a 133 republicanos, constituíndo o lugar máis sanguento de toda Galiza no que respecta a denominada represión “legal”, isto é, ordenada polas autoridades militares. O cárcere de Ourense, xa o día 28 de xullo de 1936, víase completamente desbordada. Se ordinariamente tiña cabida para 250 detidos, chegou a albergar nos anos que durou a Guerra Civil  a 1500, sendo un dos tres centros máis importantes da represión na provincia de Ourense, xunto ao Mosteiro de Celanova e Oseira. No cemiterio de San Francisco localízase unha das maiores fosas comúns de Galiza. Temos ademais na cidade vella, documentada a existencia dunha boa cantidade de casas onde se agacharon os fuxidos da barbarie fascista, ocultos tras dobres paredes, covas nos sotos, zulos, etc.: na rúa Reina Vitoria, na Praza do Trigo ou na rúa da Barreira entre outras, como recolle Julio Prada no seu libro sobre o Alzamento e a represión na cidade de Ourense (Prada, 2004: 83-95), ou como trasladou á gran pantalla o director José Luis Cuerda no seu filme Os Xirasois Cegos.

De levarse a cabo algún día a recuperación  do cárcere do Outeiro como Lugar da Memoria Histórica e centro de interpretación da represión da provincia de Ourense, do Campo de Aragón como Memorial da Represión ao ar libre, e dalgunha destas casas que foron testemuñas da terrible represión que se viviu nesta pequena cidade onde nin sequera houbo guerra, podería converterse a Ourense nunha cidade paradigma da represión franquista cunha ilustrativa ROTA DA REPRESIÓN, reclamo sen dúbida ningunha para un concreto tipo de turismo cultural en auxe, á vez que homenaxe para todos aqueles que sufriron a persecución unicamente por teren unhas ideas diferentes á dos golpistas.

Cárcere do Outeiro.

Non esquezamos que noutras partes de Europa, os lugares de represión téñense convertido á vez que en memoriais que honran aos caídos na loita pola liberdade vítimas do fascismo, en lugares de atracción turística: os campos de concentración nazis son o mellor exemplo, e polo que respecta a casas particulares que agacharon a fuxidos, a Casa de Ana Frank en Amsterdam é o referente.

Casa de Ana Frank. Amsterdam

A un nivel máis modesto, pero cunha grande importancia no senso de denunciar e facer visíbel a barbarie franquista, e co obxectivo de perpetuar a memoria histórica de sucesos que nunca máis deberían volver a repetirse, pretende estar esta “Rota da Represión da cidade de Ourense”, exemplo da represión que houbo en toda Galiza e en gran parte de España.

Daquela, os obxectivos que persigue este proxecto son:

1.      A recuperación e rehabilitación dos lugares máis importantes da represión da cidade, coas seguintes actuacións:

 

1.1.   Rehabilitación do Cárcere de Ourense como un espazo que “visibilice” a realidade da represión, superando a inexistencia de auténticas políticas da memoria en Galiza, como xa denunciara Sánchez Carretero (Sánchez Carretero, 2013:39). Deberían conservarse celas, calabozos, oficinas, valorando o importante que é conservar a autenticidade dos sitios do Patrimonio,  e asemade crear espazos museísticos nalgunha sala que sirvan de centros de interpretación da represión na provincia de Ourense e de Galiza usando métodos de exposición apropiados e atractivos que proporcionen información histórica sobre a represión.

Patio interior do Cárcere do Outeiro

 

1.2.   Creación no Campo de Aragón dun Memorial ao ar libre, pondo en valor este espazo coas seguintes medidas:

 

1.2.1.     Inauguración da praza situada entre os edificios da nova biblioteca, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas da cidade de Ourense, co nome de Praza da II República.

Estado actual das obras no antigo Campo de Aragón

 

1.2.2.     Instalación no centro da devandita praza dun monumento composto dun grupo escultórico  que recrease e inmortalizase os fusilamentos alí perpetrados, como testemuño permanente que serva como homenaxe ao sufrimento daquelas vítimas do franquismo ao tempo que tamén de  recoñecemento ao seu valor na loita en prol da democracia e a liberdade.

 

1.2.3.     Colocación nese grupo escultórico dunha placa coa relación, con nomes e apelidos, de todas as vítimas caídas no Campo de Aragón, así como doutra placa na que se reproduza a carta escrita, horas antes de morrer fusilado neste lugar o día 27 de xullo de 1937, polo alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, testemuño histórico dun valor inapreciábel para que as novas xeración coñezan o que significou a barbarie fascista.

 

Campo de Aragón.

 

1.3.   Rehabilitación ou reconstitución dalgunha das casas onde tras dobres paredes se agachaban os fuxidos, de xeito que poidan ser visitadas polos turistas e poidan ser coñecidas polos cidadáns ourensáns, ao tempo que axude a valorar dun xeito ilustrativo o sufrimento que viviu esa xeración de ourensáns e a recuperar esa parte esquecida e por moitos ignorada, da nosa historia.

 

Casas do centro histórico.

 

2.      A posta en valor para o aproveitamento turístico dun “Itinerario Cultural polos lugares da Represión”, que unira os lugares da memoria histórica citados, co apoio de paneis interpretativos instalados en cada un deles, coidando que os seus contidos tivesen a máxima calidade para optimizar a súa comprensión.

 

3.      Participar no desenvolvemento económico e revitalización que é preciso fomentar no centro histórico ourensán.

 

Polo que respecta a comprobación de se estas actuacións resultaran positivas, habería que constatar, unha vez levadas a cabo, se serviron para a protección do patrimonio e se serviron para dinamizar o centro histórico e fomentar o turismo. O primeiro abofé que estaría garantido, pois o estado actual do cárcere é ruinoso e esta actuación serviría para recuperala. O Campo de Aragón está a punto de ser convertido nunha praza de nova inauguración, e con esta actuación encheríase de significado. En canto as casas dos fuxidos, será realmente difícil atopar vestixios que poidan ser rehabilitados, polo que se imporía a necesidade dunha reconstitución nun edificio adquirido polo concello.  Polo que respecta ao segundo, será doado cuantificar a incidencia das actuacións realizadas.

En resumo, as vantaxes do proxecto abarcarían a recuperación do Cárcere do Outeiro como patrimonio material de importancia singular na historia de Ourense, a posta en valor da praza da “nova cidade da cultura de Ourense”, o coñecemento da historia inmediata da cidade de Ourense e os seus momentos máis tráxicos por parte dos cidadáns de Ourense, a homenaxe que estas actuacións significarían a aqueles cuxa vida lles foi arrebatada polas súas ideas a prol da democracia e a liberdade, e, por último, o fomento dun turismo cultural que tería un aliciente máis para recalar na cidade e contribuír así ao seu progreso.

 

www.xosefroix.es

 

BIBLIOGRAFÍA:

Campesino Fernández, A.J. (1989). “La rehabilitación integrada de los centros históricos: el reto urbanístico de finales de los ochenta”. Investigaciones geográficas, nº 7, pp. 7-17.

Nora, P. (1984). “Entre Memoria e Historia: la problemática de los lugares”, en P. Nora (coord.), Les Lieux de Mémorie. 1: La Republique. París, Gallimard, pp. XVII- XLIL.

Prada Rodríguez, J.

_(2004). Ourense, 1936- 1939. Alzamento, Guerra e Represión. A Coruña: Castro.

_(2006). De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense, 1934-1939. Barcelona: Ariel.

 

Sánchez- Carretero, C.  (2013). “Patrimonialización de espacios represivos: en torno a la gestión de los patrimonios incómodos en España”, en Ortiz García, C. (coord.),  Lugares de represión, paisajes de la memoria: aspectos materiales y simbólicos de la cárcel de Carabanchel, pp. 28-41.