A FIDALGUÍA EN GALICIA

Xosé Lois Gómez García

A partir dos Reis Católicos, Galiza vai perder os caracteres de seu, os caracteres que a distinguían, sen apenas resistencia da nobreza. Unha nobreza que fora obrigada a abandonar o seu territorio e que vivía a maior parte do tempo na Corte castelá. Na Galiza só residía unha nobreza rural de segundo nivel. Segundo Núñez Castro, no século XVII case cen casas nobres galegas residían en Madrid, entre as que estaban as de Altamira, Lemos ou Monterrey.

Galicia se transformara nunha provincia máis, aínda que mantivese o título de Reino; é máis, fora partillada primeiro en cinco e despois en sete mini-provincias, en aplicación do adagio “divide e vencerás”.

No contexto desta Galiza descabezada, o 80 % da poboación activa eran campesiños, poboación rural vítima dunha perenne situación de inxustiza e que practicaba unha agricultura de subsistencia que polos abusos señoriais convertíase en agricultura de insuficiencia. En efecto, a igrexa e a gran nobreza absentista eran os grandes propietarios da terra. Os fidalgos eran os intermediarios, e serán os máximos culpábeis do espolio campesiño.

A igrexa era a gran beneficiaria debido aos seus inmensos dominios e a que tiñan un dominio directo sobre as terras. Non así a alta nobreza, que non explotaba directamente as terras por vivir na Corte. A nobreza aforou as súas terras a unha nova clase: a fidalguía ou foreiros intermediarios, grupo social que xorde como consecuencia do réxime foral da utilización da terra. Comezaron sendo simples colonos que cultivaban importantes extensións de terras aforadas, e chegaron a constituír un estamento cun importantísimo poder social e económico. A súa riqueza proviña do arrendo ou subaforación  das terras que a eles lles aforara a alta nobreza ausente. Obtiñan deste xeito grandes e doados beneficios.

O sistema foral consistía en que a maior parte das terras produtivas, propiedade da Igrexa e das casas da alta nobreza, se concedían en réxime de “foro” para o seu cultivo a outras persoas. O foro, produto orixinario da época feudal, é un contrato temporal e hereditario polo cal o foreiro adquire o dereito de uso e desfrute da terra a cambio dunha renda. O propietario da terra segue sendo o nobre ou a igrexa que o afora (“dominio directo”), mentres o foreiro terá o “dominio útil”. Debido a facilidade con que se renovaban estes contratos temporais, os foreiros percibíanos como contratos a perpetuidade, feito que tivo a súa consolidación legal mediante a Real Provisión de 11 de maio de 1763, dirixida polo Consello de Castela á Real Audiencia da Coruña. A devandita Provisión deixaba en suspenso o carácter temporal do foro –sen anulalo-, ata unha nova resolución, que endexamais chegaría.

Quen foron os máis beneficiados coa medida? Sen dúbida ningunha os fidalgos, os foreiros en primeiro grado, que xa viñan sendo antes os máis beneficiados do sistema e agora recibían o recoñecemento definitivo. Estes fidalgos cuxo oficio consistía en aforar as terras recibidas da alta nobreza aos campesiños, co contrato que recibiu o nome de subforo, aseguraron deste xeito a súa posición xa que non poderían ser prescindidos por parte da alta nobreza. Por mor desta Provisión, a alta nobreza non se puido beneficiar da revalorización das terras, pois non podían despoxar aos foreiros intermediarios das devanditas terras.

O aumento da renda que experimenta a explotación da terra durante o século XVIII debido principalmente á maior demanda causada pola expansión demográfica, foi a parar ás arcas dos fidalgos que, polo regular, cobraban ao campesiño subaforado un canon moi superior, de ata un 80 % máis, como demostrou García Lombardero, do que eles pagaba aos propietarios do dominio directo (Lombardero, 1973: 23 e ss.). E deste xeito, o foro que fora nos seus comezos unha institución útil, xa que permitira pór en cultivo terras antes non cavadas ou non aproveitadas dabondo, agora era causa da subdivisión de parcelas e medio de explotación e usura do campesiñado (Colmeiro, 1843:43 e ss.).

Da situación do campesiñado xa se fixera eco o Padre Feijoo no seu Teatro Crítico Universal”: “¿hay gente más infeliz que los pobres labradores?...no hay gentes más hambrientas ni más desabrigadas que los labradores...Ellos siembran, ellos aran, ellos riegan, ellos trillan y después de hechas todas las labores les viene otra fatiga nueva y la más sensible de todas, que es conducir los frutos, o el valor de ellos a las casas de los poderosos, dejando en las propias la consorte y los hijos llenos de tristeza y bañados en lágrimas”. Como indica María Teresa Rivera Rodríguez,  “tal era pues el sino de los labradores gallegos en este período: soportar hasta límites imposibles el peso de los señoríos mientras carecían de todo medio de promoción y de toda fuente de cultura que les permitiera salir de su situación de analfabetismo y superstición” (Rivera, 1981: 34 e ss.). Un exemplo dos abusos dos que eran vítimas os campesiños era o imposto da “lutuosa”: á morte do “cabeza de casa” os herdeiros debían entregar ao señor o mellor animal cuadrúpede que tivesen, aínda que despois das moitas protestas que xeraba este imposto foi substituído polo pago de entre 10 e 60 reais segundo as reses que tivese a familia campesiña.

Tanta era a súa explotación que produciuse unha emigración continua. A Xunta do Reino estimou que 400.000 galegos abandonaron Galiza no período comprendido entre 1750 e 1787, fundamentalmente cara a meseta castelá, Portugal e, en menor medida, Andalucía (que no século XVII si recibira grandes continxentes de galegos enviados a repoboar aquelas terras).

Como xa apuntei, no século XVIII as melloras dos cultivos proporcionou aos señores da fidalguía unha relativa prosperidade. Pero os beneficios non foron invertidos en actividades produtivas que puideran desenvolver unha actividade industrial en Galiza, como sucedía noutras partes de Europa, senón que foron destinados á restauración e construción dos seus pazos ou a compra de máis terras seguindo fielmente o modelo presentado pola clase nobiliaria. Non crearon riqueza, do mesmo xeito que tampouco o facía a nobreza absentista que levaba as súas rendas á Corte de Madrid, o que supuña unha sangría anual de grandes cantidades de diñeiro que ía parar lonxe do Reino.

O pazo, símbolo do poder da fidalguía en Galicia, é, polo tanto, símbolo tamén da explotación dos labregos e símbolo dun modelo produtivo que deixou a Galiza empobrecida e fora de toda posibilidade de progreso.

Compartir esta página