CAMPO DE ARAGÓN DO CUARTEL DE SAN FRANCISCO DE OURENSE, O LUGAR DA MAIOR REPRESIÓN FRANQUISTA DE GALICIA.

Xosé Lois Gómez García

 

Tristemente a nosa cidade alberga o lugar máis tinguido de sangue de toda Galicia pola represión “legal” que seguiu ao Alzamento Nacional.  Trátase do Campo de Aragón,  a explanada pertencente ao cuartel de San Francisco e antigo convento franciscano.  Alí, segundo os datos recollidos polo proxecto “Nomes e Voces”, morreron fusilados por orde da autoridade militar 119 persoas, das que oito eran mulleres. Outras fontes, como as manexadas polo historiador  Julio Prada, elevan o número de mortes no Campo de Aragón a 133, número superior a de outros lugares de represión galegos tan emblemáticos como o Arsenal Punta do Martiño en Ferrol, con 93 fusilados, o cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela, con 76, ou Punta Herminia, na Coruña, con 64.

Lamentablemente nada ou case nada se fixo pola memoria dos caídos no Campo de Aragón a mans dos rebeldes.  A Lei de Memoria Histórica non supuxo na nosa cidade, como en outros tantos lugares, un avance no recoñecemento deses heroes caídos pola defensa da liberdade e da democracia.  Tan só a iniciativa de Amigos da República permitiu levantar un monumento sufragado por subscrición popular, na fosa común do cemiterio de San Francisco, no ano 2005.

Vítimas dun pacto de silencio que pretendeu igualar aos vencedores cos vencidos, igualar aos que loitaron pola democracia con quen asasinaron por acabar con ela, resulta hoxe unha vergoña que en Ourense as nosas institución non fagan nada por dignificar á memoria deses paisanos inxustamente pasados polas armas, e por dignificar a República, o sistema democrático máis avanzado dos que endexamais gozou o noso país.

A cidade non pode “botar ao esquecemento” a eses cidadáns que deron a súa vida polos seus ideais democráticos. Xa é hora de facer un pouco de xustiza.  Europa enteira está chea de monumentos que lembran aos seus heroes antifascistas. En cada vila, en cada aldea se dignifica aos caídos fronte ao fascismo. Aquí en España mírase para outro lado en prol dunha falsa reconciliación. Non pode haber reconciliación sen xustiza, sen reparación. As feridas están mal pechadas, e non deixará de sangrar ata que se repare a dignidade dos vencidos. Como escribiu o profesor Jesús de Juana, “as feridas que os seres humanos se inflixen non cicatrizan a través do esquecemento, senón mediante a asunción de cada traxedia particular e colectiva”.

 

Agora é un bo momento para facerlles un recoñecemento aos nosos veciños caídos vítimas da barbarie fascista. Despois de tantos anos de obras nas que o antigo cuartel de San Francisco estivo sendo recuperado para a cidade como gran centro cultural, por fin hoxe semella que as obras están a rematar.  Non sería de xustiza que ese espazo que ocupou o campo de Aragón, e na que agora abrirase unha praza rodeada pola nova biblioteca e o novo arquivo, recibira o nome de Praza da República?  Sen dúbida ningunha, para que sexa completa a reparación da dignidade dos que perderon a vida en defensa dos valores democráticos volatilizados polo Alzamento, é preciso que se restitúa tamén a memoria da República. E eu pediría ademais que se levantase un monumento no centro desa praza coa escultura duns fusilamentos e unha placa co nome de todos os que alí foron executados. Un monumento duro, como o foi no seu día o cadro do Tres de Maio de Goya, pero que serviría para que ninguén esqueza un dos episodios máis terribles ocorridos na nosa cidade en toda a súa historia, e para que ninguén esqueza que máis de cen ourensáns ofreceron alí  a vida na loita pola liberdade. 

Fusilados por orde da xurisdicción militar en Galiza. Fonte: elaboración propia a partir dos datos do proxecto Nomes e Voces

Fusilados no Campo de Aragón. Fonte: Elaboración propia a partir dos datos do libro de cemiterio gardado no Arquivo Municipal de Ourense

Propostas para a posta en valor do Campo de Aragón do antigo Cuartel de San Francisco de Ourense,  como lugar da Memoria Histórica.

 

*  Inauguración da praza situada entre os edificios da nova biblioteca, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas da cidade de Ourense, co nome de Praza da II República.

 

-    *    *  Instalación no centro da devandita praza dun monumento composto dun grupo escultórico  que recrease e inmortalizase os fusilamentos alí perpetrados, como testemuño permanente que serva como homenaxe ao sufrimento daquelas vítimas do franquismo ao tempo que tamén de  recoñecemento ao seu valor na loita en prol da democracia e a liberdade.

 

-    *   *  Colocación nese grupo escultórico dunha placa coa relación, con nomes e apelidos, de todas as vítimas caídas no Campo de Aragón, así como doutra placa na que se reproduza a carta escrita, horas antes de morrer fusilado neste lugar o día 27 de xullo de 1937, polo alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, testemuño histórico dun valor inapreciábel para que as novas xeración coñezan o que significou a barbarie fascista.

Campo de Aragón.


INFORME PARA A CONSTITUCIÓN DO CAMPO DE ARAGÓN DA CIDADE DE OURENSE COMO LUGAR DA MEMORIA HISTÓRICA

Xosé Lois Gómez García

 

Licenciado en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela.

 

Traballo para o  Máster Universitario en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo 

 

 

 

 

INTRODUCCIÓN

O obxectivo deste informe pericial é a iniciación dos trámites para pór en valor como lugar da Memoria Histórica o coñecido como Campo de Aragón do antigo Convento e Cuartel de San Francisco de Ourense, en cumprimento da vixente Lei de Memoria Histórica aprobada no ano 2006.

 

1.    RESEÑAS HISTÓRICAS DO LUGAR DENOMINADO CAMPO DE ARAGÓN.

 

1.1. O CONVENTO DE SAN FRANCISCO.

O primeiro asentamento dos frades franciscanos en Ourense ten como data fundacional segundo o P. Jacobo de Castro, o período comprendido entre 1219 e 1227, pero non no campo de San Francisco, senón na actual Praza do Correxidor. Mais este primitivo establecemento foi incendiado intencionadamente polos seguidores do Bispo don Pedro Eanes de Novoa nunha data situada entre 1290 e 1294, dependendo das fontes utilizadas, como apunta F. Fariña Busto (Fariña, 1994:210). Os autores da morte do sobriño do bispo acolléranse no solar dos franciscanos como refuxio sagrado para escapar dos seguidores do bispo, negándose os frades a entregalos. Os partidarios do bispo entraron no recinto prendéndolle lume.

Os tribunais real e pontificio condenaron a acción do bispo, e en Roma, en 1308, o papa Clemente V ordena a instrución dun proceso sumarial e obrígao a reconstruír o convento, pero non xa na antiga localización no Tendal da Figueira ou Cimadevila, senón que a nova edificación será levantada nunha chaira elevada e afastada da cidade, que desde entón coñécese como “Campo de San Francisco”.

A mediados do século XIV existe a certeza dun convento xa construído e dunha relativa amplitude (Fraga e Fariña, 2000:15).

O convento medrou co tempo e sufriu diversas reformas e ampliacións nos séculos XVI e XVIII, ata que, no período desamortizador que vive España no século XIX, a comunidade franciscana ten que abandonar a edificación en 1835. Un ano antes diso, en 1834, seguindo as normas ditadas en 1821 polo goberno do trienio liberal, a comunidade franciscana cedera unha parte da súa horta para a instalación do camposanto municipal.

 

 

1.2. O CUARTEL DE SAN FRANCISCO.

O goberno do Conde de Toreno aprobou a Real Orde de Exclaustración Eclesiástica o día 25 de xullo de 1835, pola que se suprimían todos os conventos con menos de 12 relixiosos. O 11 de outubro de 1835, o sucesor do conde, Mendizábal, decretou a  supresión de todos os mosteiros de ordes monacais e militares.

En efecto, o edificio conventual e a horta de San Francisco de Ourense incautáronse pasando a mans da Junta de Bienes Nacionales, coa excepción da Igrexa e da Capela de Venerable Orde Terceira anexa á anterior. O destino dos bens incautados era a poxa pública, pero solicítase que sexan cedidos ao concello para servir de albergue as tropas, evitando os problemas que o aloxamento das milicias do rexemento ou de paso lles causaban aos veciños (Fraga e Fariña, 2000:59).

 

Entre 1835 e 1840, anos en que se realiza o inventario pola Comisión de Amortización, o edificio permaneceu en mans da autoridade militar. En 1841 o Concello solicita a recepción do edificio para a súa cesión ao Ramo de Guerra dun xeito permanente, o que se lle concede en 1843 gratuitamente. A horta anexa ao convento queda excluída ata que as autoridades militares a solicitan en demanda de máis espazo. En efecto, desde 1846 o Capitán General de Galicia esfórzase por conseguir a horta como lugar onde realizar a instrución a tropa. Finalmente,  concretase a autorización de dispor delas en 1849, mediante un Acta de 20 de abril, na que “El Sr. Ministro de Hacienda...manifestando la conveniencia de que se cediese al ramo de Guerra el terreno contiguo al convento de San Francisco de Orense para que sirva de desahogo a la tropa que en él se halla acuertelada, se ha dignado a acceder a la cesión del terreno que fue huerta y mandar que se proceda a la enagenación de las casetas inmediatas...” (Arquivo Histórico Provincial, Caixa 13.375, citado por Fariña 1994:220).

Cuartel ca. 1885. Fonte: Fraga (1999)

O cuartel visto desde a horta, ca. 1896

O cuartel dominando a cidade de Ourense. 1910

Fachada occidental reformada. 1920

Campo de Aragón. Anos 20 do século XX.

Como indica Fariña Busto, unha certificación de 31 de maio de 1905 serve de soporte legal para a primeira inscrición rexistral da finca: “Don Francisco Cayuela  y Palomeque, comisario de guerra de segunda clase, interventor del material e Ingenieros en la comandancia de Vigo, y como tal encargado de la administración de fincas del Ramo de Guerra en las Provincias de Pontevedra y Orense, Certifico: que de los antecedentes que existen en esta oficina de mi intervención resultan los extremos siguientes relativos a la finca del ramo de Guerra denominada “Campo de Aragón” anexo al Cuartel de San Francisco de Orense. Es una finca rústica valorada en cincuenta y cuatro mil pesetas, está cerrada con un muro, tiene pozo de agua potable y carece de arbolado. Situada al oeste del casco de la Ciudad y a medio kilómetro de ésta, mide una extensión superficial de diez y seis mil seiscientos treinta y tres metros cuadrados sin tener gravamen de ninguna especie... Fue adquirida por cesión que hizo el Ayuntamiento de Orense al ramo de Guerra, según acta fechada en veintiuno de abril de mil ochocientos cuarenta y tres llevando en posesión del Estado sesenta y dos años y se destina a ejercicios de instrucción de las fuerzas militares que guarnecen aquella plaza...” (Fariña, 1994:221-222).

 

O mal estado do edificio fixo que se elaborasen proxectos de reforma en 1861, 1875, 1883 e 1894, pero non son levados á práctica, polo que o estado do convento a finais do século XIX anima a propor a súa demolición para a construción dunha nova fábrica.

Finalmente, decídese que os edificios e terreos do antigo convento pasen á propiedade do Estado e sexan adscritos ao Ramo da Guerra, o que se materializará en 1906 pola Real orde de 29 de xullo. Facenda os entrega ao Ramo de Guerra “usufructuando tal edificio el cesionario, mientras lo destina al fin para que se realiza aquella, y revirtiendo a la Hacienda en el momento en que no le sea necesaria con tal objeto” (Fraga e Fariña, 2000:63).

En 1901 o comandante de corpo de enxeñeiros don Félix Casuso y Solano redacta, tendo en conta os proxectos anteriores, o “Proyecto de nueva distribución y de demolición de algunas partes ruinosas del cuartel de San Francisco”; a este proxecto seguirán outros que permitirán ir reformando a construción. A reforma máis salientable é a da fachada occidental.

 

 

 

En 1926, por Real Orde de 20 de setembro, declarouse o Claustro Monumento Histórico- Artístico, coa protección legal correspondente, deixando curiosamente sen dita protección a Igrexa, que como sospeita Fariña Busto (Fariña, 1994:224), é un feito que garda relación co proxecto de traslado que entón se preparaba. A nova comunidade franciscana de Ourense solicita en 1927 autorización para o traslado da Igrexa ao novo emprazamento do convento da Orde na cidade, situado no Campo de San Lázaro, vendendo o solar ao Ramo de Guerra, sempre necesitado de máis espazo, para financiar o traslado. A declaración como  Monumento Histórico- Artístico chegaría para a Igrexa en 1951, cando xa no seu novo emprazamento non suporía estorbo para o finalizado traslado. Lamentabelmente dita protección non serviría, como indica Fraga Sampedro, para protexela do crecemento urbano que hogano afoga a igrexa (Fraga, 1999:75).

Os tristes acontecementos ocorridos tras o Alzamento en xullo de 1936, darían unha nova relevancia ao cuartel de San Francisco, e en particular ao Campo de Aragón, espectador da violencia fascista contra os demócratas que defendían a orde establecida, a República e a democracia. Como escribió Julio Prada, no “Campo de Aragón se fusilaba sin formalidad alguna” (Prada, 2006:267).

 

 

1.3.  O PROXECTO DE CENTRO CULTURAL

En 1984, o goberno reorganiza o Ministerio de Defensa, que substituirá ao ramo de Guerra, suprimindo unha serie de guarnicións militares e deixando libres moitos dos acuartelamentos, como será o caso de Ourense. A lei de 31 de xullo de 1984 creaba un organismo de xestión no Ministerio de Defensa para a venda dos inmobles ata entón tiña adscritos.

Así, en novembro de 1987, a banda do Rexemento Zamora 8 despedía a súa presenza no cuartel de San Francisco coas notas de “El novio de la muerte”.

As necesidades de equipamento cultural que tiña e segue tendo Ourense e a posibilidade de que os bens do Ministerio de Defensa puidera ter outros destinos segundo o acordo coas distintas administracións, ademais do feito de ser un ben protexido por ser monumento histórico- artístico (Ben de Interese Cultural) e de estar integrado no recinto declarado Conxunto histórico- artístico da cidade de Ourense, fixo que se valorara a proposta presentada polos Directores de Arquivo Histórico e Museo Arqueolóxico Provincial no ano 1987 de utilizalo como espazo cultural e de desfrute xeral. O Gobernador Civil, Francisco González Fernández apoia a proposta e a presenta ao Ministro de Cultura Javier Solana, que abrirá as negociación co Ministerio de Defensa.

Na proposta incluíase un Museo, con sección de Belas artes, Ciencia e Técnica, xardín botánico e militar, o Arquivo Histórico Provincial e o Arquivo Histórico Municipal ou unha Biblioteca. A súa realización suporía unha mellora substantiva do equipamento cultural da cidade e unha revalorización dos valores singulares do conxunto e do propio claustro.

En 1990 Concello e Ministerio de Cultura chegan a un acordo para dedicar o conxunto a servizos culturais. Os franciscanos iniciarán unha demanda xudicial de reversión que recibirá unha primeira sentenza favorábel en 1993, que recorreu o Ministerio de Defensa. Nese ano anulase o convenio entre Concello e Defensa e ábrense negociacións entre Concello e franciscanos, negociacións que se rompen no ano seguinte.

Finalmente, a sentencia nº 355/1997 de TS, Sala 1ª, de lo Civil, de 30 de abril de 1997, liquida o contencioso en favor do Estado Español: “debemos desestimar y desestimamos la demanda formulada por la Provincia Franciscana de Santiago de la Orden de Frailes Menores (PP Franciscanos), contra el Estado Español (Ministerio de Defensa)”.

Pero o calvario que supuxo a rehabilitación do conxunto estaba aínda no seu berce: empezou cando no ano 2000 se trazaron os planos, froito da boa relación entre o Ministro de Cultura, Mariano Rajoy, e o alcalde da cidade Manuel Cabezas, para un complexo cultural de 18.000 metros cadrados, que prevía restaurar o convento para convertelo en Arquivo Histórico Provincial e construír unha biblioteca de nova planta. No ano 2003 inícianse as obras impulsadas polo Ministerio de Cultura.

O incumprimento dos prazos por parte da empresa adxudicataria do proxecto resultou ser o detonante do enfrontamento entre a construtora e a Administración que acabaría pola vía xudicial. En 2006, a empresa paraliza as obras e reclama unha indemnización de 2,5 millóns de euros.

Por fin, en 2010 o conxunto histórico de San Francisco deu un paso máis cara a súa recuperación. A Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura do Estado español publicaba o 24 de xuño a adxudicación provisional da redacción do proxecto que finalizará as obras da Biblioteca e o Arquivo Histórico, elixindo a proposta dos arquitectos José Manuel Casabella (que xa deseñara o Auditorio ourensán) e José Luis Martínez Raido. O proxecto solucionaba algunhas deficiencias do anterior proxecto, que xa estaba executado nun 80%, incluíndo uns parasoles con teas metálicas na fachada da Biblioteca orientada a poñente, o que non resultaba compatíbel coas altas temperaturas que acada a cidade durante algunhas épocas do ano. O Arquivo recuperaría a estética que tivo na época que serviu como comedor do cuartel solucionando a conexión co antigo convento, mediante unha pasarela acristalada dende o primeiro piso do edificio que se converterá en depósito do Arquivo.

O 28 de febreiro de 2011 o alcalde presentaba o proxecto cunha inversión de 17 millóns de euros, aos que habería que sumar os 9 xa investidos anteriormente. Anunciábase deste xeito a creación da “Cidade da Cultura de Ourense”, incluíndo o complexo:

- Auditorio-Palacio de Congresos | Rematado

- Escola de Artes Escénicas | Rematado

- Arquivo histórico | En obras

- Biblioteca central | En obras

- Rehabilitación do antigo Convento de San Francisco | En obras

 

Estes edificios deixan un espazo aberto entre eles, parte do antigo Campo de Aragón, para o que os arquitectos suxiren un deseño que “axude a caracterizar e personalizar este espazo urbano”.

 

 

O 21 de xullo de 2011 o Concello formaliza a cesión de San Francisco a Cultura, 11 anos despois daquela  primeira cesión en xaneiro do ano 2000, emendando unha irregularidade, xa que o ministerio nunca aceptara oficialmente dita cesión. O Concello resérvase para si o espazo central que comunica os edificios obxecto da reforma. Deste xeito, e despois de tantos avatares adversos, por fin  queda o camiño aberto para continuar as obras.

Entre tanto, o rexedor municipal Francisco Rodríguez adxudica un novo proxecto ao marxe do presuposto principal para todo o complexo, para que ao menos se evite a ruína do claustro, unha das xoias da arquitectura medieval galega, e poda ser visitábel tras 12 anos pechado.

O 7 de decembro de 2012 o Consello de Ministros autoriza a celebración do contrato para a finalización da obra

 

 

2.    A PROPOSTA DE CONVERSIÓN EN LUGAR HOMENAXE  DA MEMORIA HISTÓRICA

Na actualidade, as obras do complexo cultural de San Francisco están próximas a rematar.  Despois do período comprendido entre 2000 e 2006 no que se levou a cabo a primeira fase da obra de rehabilitación, do período comprendido entre 2006 e 2012 en que a obra se paraliza e o conxunto queda abandonado, e o período comprendido entre 2013 e 2018, no que se proseguen as obras seguindo o proxecto definitivo, pasaron 18 anos nos que os ourensán non puideron gozar deste recinto e nos que non se produciu proposta algunha de recuperación do Campo de Aragón como lugar da memoria histórica.

 

Estado actual das obras da praza situada no antigo Campo de Aragón (27-3-2018)

É esta a causa da presente proposta que pretende, conforme a Lei da Memoria Histórica de 2006 aprobada polo goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, dignificar a todos eses caídos na súa loita por defender o réxime republicano legalmente establecido, a democracia e a liberdade. Cidadáns ourensáns que foron abatidos polas forzas franquistas que protagonizaron o Alzamento no ano 1936, e que triunfou rapidamente en Galiza. Foi este un territorio, xa que logo, no que non houbo guerra, pero que, porén, sufriu a máis dura represión.

Segundo os datos recollidos polo proxecto universitario “Nomes e Voces”, o número de penas de morte executadas tras un xuízo “legal” por parte das novas autoridades militares franquistas foi de 1.466. As mortes extraxudiciais, seguindo as mesma fonte, foron 4.699.

No que respecta aos fusilados tras sentenza xudicial, en Galiza foron varios os lugares nos que se pasaron polas armas as vítimas desta barbarie. Como se pode apreciar na seguinte gráfica, o lugar onde máis cidadáns caeron foi no Campo de Aragón do Cuartel de San Francisco de Ourense, cun total de 119 fusilados segundo os datos do proxecto Nomes e Voces. O historiador Julio Prada, un dos máximos expertos nesta materia, eleva este número a 133 (Prada, 2004: anexo nº17, 599 e ss.), un número que podo corroborar tras o estudo do libro do cemiterio conservado no Arquivo Municipal de Ourense.

 

No Campo de Aragón comezouse a fusilar o día 11 de agosto de 1936, sendo os primeiros caídos Fernando Cordón García, administrador de aduanas e afiliado ao PSOE, e Manuel Gómez del Valle, periodista del PCE, ambos acusados de traizón.

Neses últimos cinco meses de 1936 foron 32 as vítimas, mentres que en 1937 serían 73. Nos anos 1938 e 1939 o número de fusilados diminuíu ata 15 e 13 respectivamente. Os 13 de 1939 foron executados todos o mesmo día, nun tráxico 21 de marzo que supuxo  unha macabra fin de festa ao máis terrible período vivido pola cidade de Ourense en toda a súa historia. A partir desta data, os fusilamentos leváronse a cabo no Campo do Cumial, alonxado da cidade, pero xa en un número moito menor. Os alí caídos totalizaron o número de oito.

En canto aos días máis fatídicos dos vividos no Campo de Aragón, están o xa mencionado 21 de marzo de 1939, con 13 execucións. A continuación, o 10 de febreiro de 1937, con 12, e o 1 de xaneiro de 1937, con 9. Non tiveron compaixón nin nas festas católicas do Nadal.

Tampouco a tiveron con Erundina Álvarez Pérez, fusilada o 1 de outubro de 1936, única muller fusilada no Campo de Aragón tras sentenza da autoridade militar, por un delito non precisado.

 

O día 11 de Agosto de 1936 comezaron os fusilamentos no Campo de Aragón con dous execucións: Fernando Cordón García e Manuel Gómez del Valle. Fonte:  Libro do Cemiterio de San Francisco, Arquivo Municipal de Ourense.

 

 

 

Erundina Álvarez Pérez. Única muller fusilada por orde das autoridades no Campo de Aragón, o día 1 de outubro de 1936. Fonte: Libro do Cemiterio de San Francisco, Arquivo Municipal de Ourense.

 

 

Manuel Suárez Castro, alcalde de Ourense, executado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón. Fonte: Libro de Cemiterio de San Francisco, Arquivo Municipal de Ourense.

 

 

O día 21 de marzo de 1939 foi o día con máis execucións, 13, que ademais foron as últimas levadas a cabo no Campo de Aragón, a modo de macabro fin de festa.

 

 

 

Por tanto, o Campo de Aragón ten unha relevancia singular neste proceso, constituíndo o lugar da maior represión “legal” de Galiza. E aínda que non tivese esta vergoñenta marca, sobrarían os motivos para pór en valor este espazo como lugar da Memoria Histórica, como lugar que servise de homenaxe a todos eses cidadáns que alí ofreceron a súa vida por defender a República,  e como lugar que servise de memorial dos tráxicos sucesos alí ocorridos, os máis tráxicos sen dúbida ningunha de todos os acaecidos na historia da cidade de Ourense.

 

 

A cidade non pode “botar ao esquecemento” a eses cidadáns. Noutras partes de Galiza tense levantado monumentos en memoria dos caídos, como en Punta Herminia, na cidade herculina. Porén, como apunta Cristina Sánchez Carretero, non existe en Galiza, en vista dos usos que se deron en xeral aos espazos represivos e a súa patrimonialización, políticas da memoria (Sánchez-Carretero, 2013:38-39). É preciso crear espazos que visibilicen a represión franquista.

Aquí en Ourense, tan so a iniciativa de “Amigos da República” propiciou a inauguración o 25 de setembro de 2005 dun monumento realizado polos arquitectos Alfredo Freixedo e Pedro Diéguez, sufragado por subscrición popular e doado ao patrimonio público, no lugar que ocupaba a fosa común onde foron enterradas as vítimas no cemiterio de San Francisco.

 

 

Tan só a dignificación dos caídos pola República abrirá un Camiño para unha auténtica reconciliación, que aínda hoxe, tantos anos despois de superada a ditadura, parece estar pendente. Como escribiu o historiador Jesús de Juana, “las heridas que los seres humanos se infligen no cicatrizan a través del olvido, sino mediante la asunción de cada tragedia particular y colectiva” (Prada, 2004:9).

Para dignificar ás vítimas, é preciso recuperar a memoria da República pola que deron a vida, porque como escribe o historiador Espinosa Maestre, “de poco valen los homenajes y exhumaciones si descontextualizamos a sus protagonistas del régimen político en que desarrollaron sus actividades” (Espinosa, 2006:284). Efectivamente, para que sexa completa a reparación da dignidade dos que perderon a vida en defensa dos valores democráticos volatilizados polo Alzamento, é preciso que se restitúa a memoria da II República.

 

É por todo isto que neste informe se propón a posta en valor do Campo de Aragón do antigo Cuartel de San Francisco de Ourense como lugar da Memoria Histórica coas seguintes actuacións:

-       Inauguración da praza situada entre os edificios da nova biblioteca, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas da cidade de Ourense, co nome de Praza da II República.

 

-       Instalación no centro da devandita praza dun monumento composto dun grupo escultórico  que recrease e inmortalizase os fusilamentos alí perpetrados, como testemuño permanente que serva como homenaxe ao sufrimento daquelas vítimas do franquismo ao tempo que tamén de  recoñecemento ao seu valor na loita en prol da democracia e a liberdade.

 

-       Colocación nese grupo escultórico dunha placa coa relación, con nomes e apelidos, de todas as vítimas caídas no Campo de Aragón, así como doutra placa na que se reproduza a carta escrita, horas antes de morrer fusilado neste lugar o día 27 de xullo de 1937, polo alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, testemuño histórico dun valor inapreciábel para que as novas xeración coñezan o que significou a barbarie fascista.

Nos anexos II e III inclúo a relación dos nomes dos alí fusilados por sentenza xudicial, como a transcrición da carta escrita polo alcalde de Ourense Manuel Suárez, e da que hoxe exponse unha reprodución nun cartel exposto no edificio de Artes Escénicas (Escola de Música e Teatro municipal) da cidade.

 

 

 

 

 

 

CONCLUSIÓN

 

Por todo o aquí exposto, penso que é de xustiza iniciar os trámites pertinentes polas autoridades para pór en valor o Campo de Aragón como lugar da memoria histórica, unha vez valorada a súa importancia no contexto da represión levada a cabo en Galiza e, máis concretamente, na cidade de Ourense,  tras o triunfo do Alzamento de 1936, en consonancia coa aplicación da Lei de Memoria Histórica e a necesidade demandada por unha gran parte da sociedade de dignificar e recompensar dalgún xeito a memoria das vítimas que morreron por seren defensoras do réxime lexítimo republicano.

A memoria dos que alí sufriron a pena de morte ben merece que  a nova praza leve o nome de “Praza da República”, e que se lles dedique aos represaliados un grupo escultórico que represente o acto no que fascismo lles arrebatou a vida.

 

A rehabilitación como Memorial ao ar aberto do lugar no que ocorreron os feitos máis crueis da historia da cidade de Ourense servirá para que as xeracións vindeiras non esquezan esta parte tan importante da nosa historia, e será memoria viva do sacrificio daqueles ourensáns que caeron alí na loita pola democracia e a liberdade.


Aprobación do poxecto no pleno municipal

O pasado 4 de maio de 2018, o pleno municipal do Concello de Ourense debatiu, sobre a base deste estudo, o proxecto de facer que o Campo de Aragón pasase a denominarse Praza da República e se inaugurara alí o memorial proposto. A moción foi presentada polo grupo Ourense en Común, e foi aprobada co apoio do PP e do PSOE, e coa abstención de Democracia Ourensá. 

Así pois, nos vindeiros meses teremos en Ourense unha praza dedicada á Republica e un memorial honrando aos republicanos alí fusilados, algo do que debemos congratularnos todos os ourensáns.

O 21 de marzo de 1939 foi o día con máis execucións no campo de Aragón, 13, que ademais foron as últimas, a modo de macabro fin de festa. Fonte: Libro do cemiterio. Arquivo Municipal de Ourense.

ANEXO I

 

Carta dirixida á prensa (La Región, Faro de Ourense, Sermos Galiza...) e publicada tamén nas redes sociais, o día 27 de marzo de 2018, para facer chegar a opinión pública a singular importancia do Campo de Aragón dentro da represión en Galiza, así como para facer a proposta da súa posta en valor como lugar da Memoria Histórica. Así mesmo, enviouse ao grupo municipal “Ourense en Común” para o debate da proposta nun pleno municipal.

 

CAMPO DE ARAGÓN DO CUARTEL DE SAN FRANCISCO DE OURENSE, O LUGAR DA MAIOR REPRESIÓN FRANQUISTA DE GALICIA.

Xosé Lois Gómez García

Tristemente a nosa cidade alberga o lugar máis tinguido de sangue de toda Galicia pola represión “legal” que seguiu ao Alzamento Nacional.  Trátase do Campo de Aragón,  a explanada pertencente ao cuartel de San Francisco e antigo convento franciscano.  Alí, segundo os datos recollidos polo proxecto “Nomes e Voces”, morreron fusilados por orde da autoridade militar 119 persoas, das que oito eran mulleres. Outras fontes, como as manexadas polo historiador  Julio Prada, elevan o número de mortes no Campo de Aragón a 133, número superior a de outros lugares de represión galegos tan emblemáticos como o Arsenal Punta do Martiño en Ferrol, con 93 fusilados, o cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela, con 76, ou Punta Herminia, na Coruña, con 64.

Lamentablemente nada ou case nada se fixo pola memoria dos caídos no Campo de Aragón a mans dos rebeldes.  A Lei de Memoria Histórica non supuxo na nosa cidade, como en outros tantos lugares, un avance no recoñecemento deses heroes caídos pola defensa da liberdade e da democracia.  Tan só a iniciativa de Amigos da República permitiu levantar un monumento sufragado por subscrición popular, na fosa común do cemiterio de San Francisco, no ano 2005.

Vítimas dun pacto de silencio que pretendeu igualar aos vencedores cos vencidos, igualar aos que loitaron pola democracia con quen asasinaron por acabar con ela, resulta hoxe unha vergoña que en Ourense as nosas institución non fagan nada por dignificar á memoria deses paisanos inxustamente pasados polas armas, e por dignificar a República, o sistema democrático máis avanzado dos que endexamais gozou o noso país.

A cidade non pode “botar ao esquecemento” a eses cidadáns que deron a súa vida polos seus ideais democráticos. Xa é hora de facer un pouco de xustiza.  Europa enteira está chea de monumentos que lembran aos seus heroes antifascistas. En cada vila, en cada aldea se dignifica aos caídos fronte ao fascismo. Aquí en España mírase para outro lado en prol dunha falsa reconciliación. Non pode haber reconciliación sen xustiza, sen reparación. As feridas están mal pechadas, e non deixará de sangrar ata que se repare a dignidade dos vencidos. Como escribiu o profesor Jesús de Juana, “as feridas que os seres humanos se inflixen non cicatrizan a través do esquecemento, senón mediante a asunción de cada traxedia particular e colectiva”.

Agora é un bo momento para facerlles un recoñecemento aos nosos veciños caídos vítimas da barbarie fascista. Despois de tantos anos de obras nas que o antigo cuartel de San Francisco estivo sendo recuperado para a cidade como gran centro cultural, por fin hoxe semella que as obras están a rematar.  Non sería de xustiza que ese espazo que ocupou o campo de Aragón, e na que agora abrirase unha praza rodeada pola nova biblioteca e o novo arquivo, recibira o nome de Praza da República?  Sen dúbida ningunha, para que sexa completa a reparación da dignidade dos que perderon a vida en defensa dos valores democráticos volatilizados polo Alzamento, é preciso que se restitúa tamén a memoria da República. E eu pediría ademais que se levantase un monumento no centro desa praza coa escultura duns fusilamentos e unha placa co nome de todos os que alí foron executados. Un monumento duro, como o foi no seu día o cadro do Tres de Maio de Goya, pero que serviría para que ninguén esqueza un dos episodios máis terribles ocorridos na nosa cidade en toda a súa historia, e para que ninguén esqueza que máis de cen ourensáns ofreceron alí  a vida na loita pola liberdade.

 

 

ANEXO II

 

RELACIÓN DE FUSILADOS POR SENTENZA XUDICIAL NO CAMPO DE ARAGÓN ENTRE 1936 E 1939. (segundo datos de Julio Prada (Prada, 2004: Anexo 17)

 

Secundino Alfonso Fernández

Miguel Álvarez Cobián

Juan Antonio Álvarez Diéguez

Nonito Álvarez Fariñas

Demetrio Álvarez González

Erundina Álvarez Pérez

Manuel Álvarez Ruíz

Julio Babarro Álvarez

José Ramón Barja García

Gabriel Barrio Gómez

Lucas Blanco Baranga

Abdón Blanco García

Fidel Blanco Levoso

Ernesto Cabanelas Santás

Máximo Camblor Remis

Leovigildo Carril Freire

Ovidio Castaño Zapico

Andrés Centrón Rodríguez

José María Cid Nóvoa

Antonio Cid Prado

Antonio Colmenero Villamarín

Felisindo Conde Cid

Fernando Cordón García

Domingo Couso Pérez

José Luis Delgado Núñez

José María Díaz Dorado

Eladio Diéguez Ballesteros

Jacinto Diéguez Peña

Herminio Docabo de la Iglesia

Francisco Domínguez

Antonio Domínguez Pérez

Florencio Esteban de Frutos

Agustín Fernández Carracedo

Odilo Fernández Freire

Manuel Fernández García

Leopoldo Fernández Núñez

José Fernández Pérez

Hidio Fernández Ribada

Antonio Fernández Salgado

Enrique Fernández Vales

Agustín Ferreira Pérez

Daniel Ferreiro Nogueira

Pascual Ferreño del Caño

Néstor Ferrer Ovide

Ramón Figueiras Añel

Francisco Figueiras Gómez

Manuel Fontaíña Feijóo

Ramón Fuentes Canal

Camilo Gago González

Modesto Gallego González

Benito Gallego Montero

Andrés Gálvez López

Marcial García Barros

José García Calella

Manuel García Capín

Salvador García Pérez

Lino García Vázquez

Fernando Garrido Fontela

Juan Manuel Garrido Touriño

Victorino Gómez Álvarez

Manuel Gómez del Valle

Ramón González Calviño

Augusto González Cao

Fernando González Cid

Juan González de Jesús

José González González

José González Quintana

Celso González Rodríguez

Manuel González Rodríguez

José González Tesouro

José Heres Martínez

Castor Iglesias Gil

Aníbal Lamas Cid

Antonio Ledo Rivero

Ricardo Lemos González

Antonio Llach Corominas

Higinio López Barrio

Amaro López Basante

José Losada Arias

José Macías López

Gonzalo Martín March

Antolín Martínez Basalo

Julio Menéndez Vázquez

Manuel Moledo Domínguez

Emilio Moure Carcacía

Manuel Muñiz Espina

Enrique Nanín Ansias

Manuel Nogueira García

Enrique Santiago Nóvoa Arce

Evaristo Nóvoa Fernández

Manuel Nóvoa Guede

Severino Nóvoa Gutiérrez

Alfonso Núñez Núñez

Eduardo París Villar

Germán Pato Bermúdez

Ramón Pérez Anglade

Manuel Pérez Campelo

Bernardino Pérez Cid

José Pérez Pérez

Luis Pérez Rodríguez

Eduardo Piñeiro Canal

Ovidio Ponte García

Eladio Porto Bugallo

Serafín Pousa Prol

Ángel Quintas Barreal

Benito Quintas Gómez

Ernesto Ramos Méndez

Julián Real Núñez

Ramón Regueiro Barreiro

Carlos Reino Caamaño

Tomás Rodríguez García

Claudio Rodríguez Díaz

A.   Jesús Jovito Rodríguez Estévez

Gerardo Rodríguez Fernández

Florencio Rodríguez Gómez

José Rodríguez González

Julio Romero Álvarez

José Salgado

Sixto Salgado Fariñas

Juan Salgado López

Arturo Salgado Villar

Enrique Santos Cid

Manuel Senra Salgado

Antonio Silva Fernández

Antonio Souto Nieto

Manuel Suárez Castro

Antonio Suárez Rodríguez

Antonio Taboada Nóvoa

Valentín Trobajo Navares

Ramón Vázquez Docampo

Ramón Vázquez Rodríguez

Nicolás Vicente López

Modesto Vidal Fernández

 

 

ANEXO III

 

CARTA DE MANUEL SUÁREZ UNHA HORA ANTES DE MORRER FUSILADO NO CAMPO DE ARAGÓN O 27 DE XULLO DE 1937.

 

Queridísima Celedonia y queridos hijos:

A este padre y este esposo, que durante toda su vida no ha prodigado más que el bien a todo el mundo, dentro de unas horas lo van a matar en nombre de la ley de la fuerza, pues es la que hoy sigue en los pueblos que dominaron para el terror unos hombres que habían jurado respetar la Constitución de esta España digna de mejor suerte. Hoy la están destrozando y para mayor escarnio lo hacen invocando a un Dios que, según su doctrina, decía que los hombres éramos hermanos. Tengo la seguridad completa de que si volviera a la tierra sería otra vez el que expulsase del templo a estos mercaderes de su religión que en este momento intentan para mayor escarnio que me confiese, cosa que he rechazado con las manifestaciones que se merecen por la farsa que vienen representando, ultrajando su religión, por el asentimiento que presentan a la matanza que se viene realizando a pesar de que ellos manifiestan que para matar, sólo Dios.

Por lo tanto, si aún quisieran cometer el nuevo escarnio de decir que lo hice, conste que es una falsedad más, como todas las que vienen propagando en los periódicos mercenarios de que disponen.

Dile a mis hijos siempre y en todo momento que su padre perdió la vida de una manera violenta, no por ser ladrón ni asesino, ni un mal ciudadano, y que por el contrario, perdió la vida por ser una persona decente, amante de todos sus ciudadanos, sin fijarse nunca en el ideal que tenían ni en su condición social, muriendo convencido de que ésta es la razón suprema por la que me hacen desaparecer. Porque en la España que quieren crear no tienen cabida las personas de buenos sentimientos, amantes de la familia y que jamás, ni de hecho ni por el pensamiento, pretendió hacer desaparecer a ningún ser humano.

Pues a pesar de esto y según la sentencia que me han leído hace un momento, eran tales invenciones, como si yo fuera un asesino, para justificar este hecho que van a realizar, como lo han hecho ya con tantos otros hermanos.

Y nada más, tengo la seguridad de que muy en breve los culpables pagarán también con su vida tan horrorosa tragedia, porque no tienen razones y porque además no pueden triunfar los que para conseguirlo se están ahogando en sangre.

Esta sangre derramada dará sus frutos y con esta comunicación plena, muero tranquilo, porque mi única preocupación sois vosotros y la situación en que de momento quedáis, situación que será reparada en el momento próximo en que sean vencidos los que me hacen desaparecer.

¡¡Adiós para siempre amantísima esposa y queridísimos hijos, con muchos besos y abrazos de tu esposo y padre!!

Cuartel de Ourense, 27 de julio de 1937

 

 

 

 

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA CIENTÍFICA CONSULTADA QUE AVALA LA TESIS DEL INFORME PERICIAL

 

Campesino Fernández, A.J. (1989). “La rehabilitación integrada de los centros históricos: el reto urbanístico de finales de los ochenta”. Investigaciones geográficas, nº 7, pp. 7-17.

Espinosa Maestre, F. (2006). En contra del olvido. Barcelona: Crítica.

Fraga Sampedro, D. (1999). O templo de San Francisco de Ourense. Vigo: Fundación Caixa Galicia.

Fraga Sampedro, D. (2002). San Francisco de Ourense; análisis histórico-artístico de la iglesia y convento. Ourense: Museo Arqueolóxico.

Fraga Sampedro, D. y Fariña Busto, F. (2000).  O Convento de San Francisco de Ourense. Ourense: Fundación Caixa Galicia.

Fariña Busto, F.

_(1994). “A desamortización de San Francisco de Ourense”. Boletín Auriense, ano XXIV, Tomo XXIV, pp.209-226).

_(1996). “Notas documentais encol do Convento de San Francisco de Ourense”. Boletín Auriense, Ano XXVI, Tomo XXVI, pp. 145-154)

Juliá, S. (2010). “Por la autonomía de la historia”. Claves de Razón Práctica, núm. 207, pp. 8-19.

Mate, R. (2002). “Políticas de la memoria”. El País, 13 de diciembre.

Navarro, V. (2000). “La transición no fue modélica”, El País, 17 de octubre.

Nora, P. (1984). “Entre Memoria e Historia: la problemática de los lugares”, en P. Nora (coord.), Les Lieux de Mémorie. 1: La Republique. París, Gallimard, pp. XVII- XLIL.

Prada Rodríguez, J.

_(2004). Ourense, 1936- 1939. Alzamento, Guerra e Represión. A Coruña: Castro.

_(2006). De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense, 1934-1939. Barcelona: Ariel.

_(2007). “Os usos políticos da Memoria da Guerra Civil e a represión durante o franquismo e a transición política”. Minius, XV, pp. 219-237.

_(2008). “Axustando contas co pasado. A memoria das vítimas da represión franquista”. Minius, XVI, pp. 213-240.

Ramoneda, J. (1997). “Memoria, amnesia, perdón”. El País, 7 de noviembre.

Sánchez- Carretero, C. (2013). “Patrimonialización de espacios represivos: en torno a la gestión de los patrimonios incómodos en España”, en Ortiz García, C. (coord.),  Lugares de represión, paisajes de la memoria: aspectos materiales y simbólicos de la cárcel de Carabanchel, pp. 28-41.

 

Libro de Cemiterio Municipal de San Francisco, 1936-1939, conservado no Arquivo Municipal de Ourense (pp. 183-261).

Manuel Suárez Castro, alcalde de Ourense fusilado en 1937.

Vítimas da represión franquista na provincia de Ourense. Fonte: Julio Prada (2006): De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense, 1934-1939.


Colabora no proxecto de investigación

O proxecto de investigación que estou levando a cabo trata sobre a recuperación dos lugares da memoria histórica da cidade de Ourense. As casas onde se ocultaban os fuxidos centrarán a investigación. Se tes información sobre represaliados da cidade de Ourense, agradézoche que contactes comigo.

Nombre*
Dirección de email*
Mensaje*